martes, 7 de junio de 2016

Anemómetro caseiro

Un grupo de alumnos/as de 3º ESO construíron un novo instrumento para a nosa estación meteorolóxica, coa guía do seu profesor de Tecnoloxía, Alberto Durán.

Para realizar esta actividade, utilizaron o seguinte vídeo tutorial, onde se van indicando os pasos a seguir para construír este instrumento.

O material necesario para cada un dos dous anemómetros que construíron foi o seguinte:
  • Un listón de madeira.
  • 4 pequenas cuncas.
  • Unha tapa dun bote.
  • Un contaquilómetros para bicicleta.
  • Bridas.
  • Hembrillas.
  • Unha barilla roscada.
  • Parafuxos.
  • Arandelas.
  • Torcas.
  • Chaves e outras ferramentas.
Unha vez construído, introduciuse no contaquilómetros o dato do perímetro da estrutura xiratoria. Deste modo, o contaquilómetros nos indica a velocidade de xiro e a distancia percorrida, sendo este último o dato recollido a diario.
Aínda así, o instrumento foi calibrado, usando para elo un coche. Sacámolo pola ventá do copiloto, nunha zona segura, á que podíamos ir a unha velocidade controlada e constante. Deste modo, comprobamos se o dato do perímetro da estrutura xiratoria que hai que introducir no contaquilómetros era o correcto.


O anemómetro foi instalado no mesmo espacio que a caseta meteorolóxica e a certa distancia, para reducir, dentro do posible, que fixese de parapeto.

Máis poemas en galego

Continuando coas actividades dirixidas pola profesora de galego, Penélope Ares, e realizadas polo seu alumnado de 1º ESO, vos mostramos máis poemas na línea dos haiku, esta vez ilustrados por eles. Algúns están a descubrir as súas dotes artísticas.

No enlace podedes admiralos máis de preto.


Caligramas

O alumnado de 1º ESO tamén participou no deseño e elaboración de caligramas, dentro da materia de Lingua Galega, da profesora Penélope Ares. Esta divertida actividade consiste na utilización de palabras ou frases relacionadas coa meteoroloxía para perfilar as imaxes ou debuxos que lles evocaban as mesmas.
A continuación amosamos algunhas das creacións. No enlace podedes deleitarvos da totalidade das mesmas.



miércoles, 1 de junio de 2016

Haiku

O alumnado de 1º ESO elaborou haikus dentro da materia de galego, impartida por Penélope Ares. O haiku é un poema sinxelo, estruturado normalmente en tres versos, que soe tratar da natureza, do percibido polos sentidos. No seguinte enlace podedes ler as creacións do noso alumnado.


Construción dun barómetro caseiro

Por Laura García

O pasado día 28 de xaneiro, o alumnado de 2º ESO C fixemos un barómetro caseiro na hora de titoría, sendo guiados pola profesora Marián Suárez. Para realizar a actividade precisamos dun bote de cristal, un folio, unha pajita, unha lámina de cartón do tamaño do lateral máis longo dunha caixa de zapatos, un globo, unha goma elástica e pegamento de contacto. Os pasos foron os seguintes:
  • Cortar a boquilla do globo e poñerllo á boca do bote de cristal previamente destapado. Estirar ben o globo para evitar que queden avultamentos.
  • Agarrar o globo á boca do bote, usando unha goma elástica.

  • Cortar nun trozo de cartón unha punta de frecha e cortar o extremo que se dobla dunha pajita. Pegar a punta de frecha a un extremo do segmento longo da pajita cortada.
  • Pegar o outro extremo da pajita á parte superior do bote, sobre o globo.
  • Na lámina de cartón, duns 25 cm x 10 cm, pegar un papel no que nun extremo debuxamos unhas liñas, indicando a gradación de menor a maior presión.
  • Pegar a lámina de cartón á parede do bote, de modo que a punta de frecha sinale a gradación de presión.
  • Deste modo xa teremos construído un barómetro caseiro que nos indicará altas presións cando a lámina de globo afunde na boca do tarro e baixas presións cando dita lámina incha.

Construción da caseta meteorolóxica

Por Raúl Rodríguez.


Como o noso alumno Moisés nos indicada na seguinte redacción, a construción da caseta levouse a cabo polos alumnos de 2º da F.P.Básica  coa disposición horaria das prácticas no taller mecánico, a cargo do docente Óscar Saborido.



Comezouse por unha boa organización loxística, para evitar viaxes en balde aos centros de venta de material e tránsito de papeis e facturas no propio centro. Posto que aínda que os materiais e os prezos son indicados nos planos ofertados polo proxecto, podería considerarse que este é “un pouco optimista” nos tempos dedicados á man de obra e no propio presuposto. Sendo así, presupóstase un custo total de entre 25 e 35 euros que finalmente viuse incrementado aproximadamente a 100, o que foi aportado polo Departamento de Ciencias Naturais. Esta desviación debeuse principalmente, a que as medidas necesarias dos taboleiros empregados non se ofertan normalmente nos almacéns de madeira, senón que existe unha superficie mínima de venta, que practicamente, xa se levou por diante o presuposto inicial.

Con todo, unha vez obtidos os materiais (listóns, tapaxuntas de abeto a modo de tabliñas, cola, puntas, tirafondos, bisagras, escuadras e taboleiro de contrachapado de fenol), procedeuse a un pequeno axuste nas medidas das tabliñas e ao corte dos materiais nas medidas especificadas polos planos proxecto.






A construción comeza pola presentación dos materiais (taboleiros e listóns, algúns deles recortados a modo de serra para pegar as tabliñas) e a montaxe do “chasis” ou da estrutura básica uníndoa cuns tirafondos reforzados con cola de madeira, e apertando cuns sarxentos para un secado máis firme.



Tendo as tabliñas recortadas á medida, tapáronse con elas as superficies laterais. Na dianteira colocáronse bisagras para que actúe a modo de porta. As tabliñas colocáronse superpostas como tellas (asegurándoas en ocasións con puntas), pero deixando entre elas un espazo de ventilación suficiente e imprescindible, para a obtención correcta da medida das temperaturas. Ao mesmo tempo outros alumnos traballaban na colocación da base interior da caseta  a modo de enxaretado (polo mesmo motivo da ventilación)





Finalizada a estrutura principal, e para que perdurase un pouco máis no tempo, lle foron aplicadas tres mans de fondo protector da madeira (tapaporos, antifúnxico, contra insectos xilófagos e repelente á auga) que incrementou un pouco máis o custo total. Tras o secado deste fondo ficaba disposta para ser pintada de cor branco. Aproveitando parte da unidade didáctica da materia de Ciencias Aplicadas “espazos e figuras xeométricas” empregáronse os contidos teóricos para levar á practica, e que os alumnos calculasen moi satisfactoriamente a cantidade de fondo e pintura necesarias para pintar ás superficies da caseta, e co número de mans de cada unha a aplicar (simplemente sobraron uns centilitros).


Tendo rematada a estrutura principal da caseta, os alumnos, soldando, construíron unha forte estrutura metálica que colocaría a nosa caseta á altura apropiada. Pero non sen antes aplicar unha man de antioxidante.  Neste caso os materiais foron aportados polo taller mecánico do centro.


Como o punto no que sería colocada a caseta non tiña un solo firme no que asegurar toda a estrutura, o Servizo Técnico do Centro construíu unha pequena base de cemento no chan, con catro pernos de ancoraxe que asegurasen fortemente todo o conxunto. E xa para finalizar, metéronse dúas argolas pequenas entre a porta e a columna dianteira, nas que suxeitar un pequeno cadeado co propósito de “disuadir e asegurar a futura obtención dos dados meteorolóxicos”.


Algúns dos participantes na construción da caseta e na toma de dados.