Instrumentos de medición

A estación meteorolóxica coa que conta o noso instituto constaba de 3 instrumentos no curso 2015-2016: termómetro, pluviómetro e anemómetro. Os dous primeiros foron proporcionados por Meteogalicia e o terceiro foi construído polos alumnos de 3º da ESO coa axuda do profesor de Tecnoloxía, Alberto Durán.

No curso 2016-2017, contamos con dúas incorporacións á nosa estación: un catavento, realizada polo alumnado de 2º FPb, coa axuda do seu profesor Pepe, e unha placa de Arduíno conectadas a un barómetro e un higrómetro, realizada por Iñaki, alumno de 2º Bach, co asesoramento do seu profesor Antonio Pérez.

A continuación descríbense os mencionados instrumentos:

O termómetro é un dispositivo dixital que rexistra as temperaturas máxima e mínima, así como a do momento. Unha vez recollidas, o termómetro é reiniciado para que comece de novo o rexistro deses valores máximo e mínimo.

O pluviómetro é un recipiente metálico para medir a cantidade de chuvia caída. Consta de dúas partes cilíndricas. A superior recolle a auga, que é dirixida por un funil cara o cilindro inferior, onde se almacena dita auga. Para medir a cantidade de auga contamos cunha probeta graduada que nos dá directamente os mm ou l/m2 caídos.

O anemómetro é un instrumento que nos permite coñecer o percorrido do vento en función da súa velocidade ao longo do día. É un instrumento de construción caseira que consta dunhas cazoletas conectadas a un eixe que xira ao ser empurradas as cazoletas polo vento. Este eixe ten un sensor dun contaquilómetros de bicicleta que vai contando o número de voltas que dan as cazoletas. En función do perímetro da circunferencia feita polas cazoletas e o número de voltas que dan, o contaquilómetros calcula a distancia percorrida polo vento. Unha vez recollido este dato, o instrumento é reiniciado para que comece de novo o rexistro.



Ademais destes instrumentos meteorolóxicos, tamén contamos cun pHímetro para medir o pH da auga da chuvia. O obxectivo é observar se hai algunha correlación entre estes datos e a concentración de ácidos presentes na atmosfera e cuios valores son tomados nunha estación que ten Meteogalicia en Campolongo, zona próxima ao noso IES.




O catavento é un instrumento que nos indica de onde ven o vento, ao xirar entorno a un eixe. Está construída de modo que a maior parte do peso recaia sobre a parte traseira, que será a parte desplazada polo vento. Debaixo colocouse unha rosa dos ventos de metacrilato. Deste modo, o alumnado, ao observar por debaixo o catavento e ver cara que parte da placa apunta a frecha, xa pode saber de onde ven o vento.


Por último contamos cunha placa de Arduíno á que están conectados dous sensores:

  • Un higrómetro, que mide a humidade relativa do aire, en porcentaxe (acompañado no mesmo dispositivo por un sensor de temperatura). O dato observámolo, xunto coa temperatura, na pantalla LCD conectada ao Arduíno.
  • Un barómetro, que mide a presión atmosférica (acompañado no mesmo dispositivo por un sensor de altitude). O dispositivo foi programado para dar os datos en hPa (equivalente aos milibares). O dato tamén o observamos, xunto co de altitude, na pantalla LCD.


No hay comentarios:

Publicar un comentario