viernes, 24 de junio de 2016

E o ano que ven?

Con esta entrada despedímosnos por este curso. Foron moitas as actividades realizadas, pero tamén quedaron outras no tinteiro. De continuar o proxecto o curso que ven, xa temos algunhas propostas para realizar:
  • Completar o muro onde está debuxado o logo con algún outro deseño como o seguinte.
  • Completar o mapa para a predición meteorolóxica con máis detalles sobre aspectos xeográficos.
  • Deseñar os iconos para indicar as predicións en dito mapa.
  • Continuar coa recopilación de refráns noutros idiomas.
  • Comparar os datos de pH da chuvia recollida no IES cos da chuvia de zonas rurais.
  • Analizar a cantidade de partículas en suspensión, comparando os días de chuvia con días secos e o aire de zonas rurais co da cidade.
  • Etc.
Esperamos que desfrutárades co proxecto e agradecemos o traballo de todos/as os participantes.

Presentación do blog e feira de proxectos

Para dar a coñecer o traballo realizado ao resto de alumnado e profesorado do centro, levamos a cabo dúas actuacións.

Por un lado, fomos invitados para presentar este blog na semana de Freicorrespondentes, outro Proxecta que se está a desenvolver no IES. Celebrouse durante os recreos da penúltima semana de maio, nunha das aulas de informática do centro. Ademais, o propio evento foi publicado no seu Facebook. Gracias a esta publicación chegamos ás máis de 600 visitas desde maio.

Por outro lado, na penúltima semana do curso, parte dos participantes do proxecto presentaron os seus traballos aos seus compañeiros/as e ao profesorado.
  • Amosáronse parte dos haiku e dos caligramas.
  • Expuséronse os traballos sobre o tempo en inglés, o traballo das nubes e os análisis dos datos da estación.
  • Proxectáronse os vídeos das predicións meteorolóxicas e dos refráns.
  • Ensináronse os instrumentos meteorolóxicos realizados de forma caseira: barómetro e anemómetro.
  • Explicáronse os experimentos sobre conceptos relacionados coa meteoroloxía.

A feira tamén foi publicada no Facebook de Freicorrespondentes, obtendo un gran número de visitas:

Analizando os datos recollidos na estación

Ao longo do 3º trimestre, alumnos de 2º ESO C estiveron a traballar cos datos tomados na nosa estación meteorolóxica.


CLIMOGRAMA
Alba, Iago, Jorge e Pedro foron os encargados de realizar un climograma cos datos de precipitacións e temperaturas observadas no noso IES. Como non tíñamos datos de todo o ano, xa que dispuxemos da estación a mediados de xaneiro, fixeron tamén outro climograma de xuño de 2015 a maio de 2016 cos datos da estación de Meteogalicia situada en Campolongo.


SARMIENTO VS CAMPOLONGO
Aproveitando a proximidade da estación de Campolongo, comparamos os seus datos cos recollidos no noso IES. Os resultados das observacións están expostas na seguinte presentación.

SARMIENTO VS PREDICIÓNS METEOROLÓXICAS
Para realizar esta comparación, Laura encargouse de recoller cada pouco as predicións meteorolóxicas sobre temperaturas máxima, mínima e cantidade de precipitacións na cidade de Pontevedra. Ion, Lucía e Nerea foron os encargados de comparar os mesmos cos recollidos na nosa estación, como se amosa nesta outra presentación.

PH DA CHUVIA VS CONTAMINANTES ATMOSFÉRICOS
Laura, Patricia e Soukaina turnáronse para recopilar da páxina de Meteogalicia os datos de concentración de certos contaminantes precursores da chuvia ácida. Estes datos correspondían cos tomados na estación de Campolongo, polo que quixemos comprobar se podía existir unha correlación entre os mesmos e o pH que presentaba a auga de chuvia que recollimos na nosa estación. Félix, Ismael e Sergio foron os encargados de comparar estas cifras. A seguinte presentación amosa as observacións realizadas.

Todos estes traballos fixéronse coa axuda da profesora Marián, de Ciencias da Natureza, e serían expostos na feria de proxectos de Meteoescolas.

Nubes

Alejandro e Sergio, de 2º ESO C realizaron un traballo no que explican como se forman as nubes e como se poden clasificar as mesmas en función das súas formas e outras características. O mesmo traballo sería exposto nun mural o día da feria de proxectos de Meteoescolas.


Por outra banda, alumnos de 3º ESO debuxaron nubes, dentro da materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual, coa supervisión da profesora Inés. Amosamos dous exemplos destes traballos.

The weather

Alumnos de 1º ESO C realizaron unhas presentacións en Power Point sobre o tempo. Falaron de fenómenos meteorolóxicos, das estacións, de como é o tempo en Pontevedra, en Galicia, en España, e das súas diferencias co tempo de Reino Unido. Estes traballos os fixeron dentro da materia de inglés, coa supervisión da súa profesora María.


Coas mesmas fixéronse murais para colocar na entrada do instituto o día da feria dos traballos de Meteoescolas, como se comprobará nunha entrada posterior.

O refraneiro

Alumnos de 1º ESO recolleron refráns en francés relacionados coa climatoloxía. Coa axuda da profesora Gabriela gravaron uns vídeos nos que recitaban os mesmos, á vez que trataban de representar o seu significado.

A continuación tendes unha relación dos alumnos participantes, o refrán que presentaron e o seu significado en galego.

Cámaras: Iván e Álvaro.

Intérpretes: Roberto e Sandra.
Refrán: Si contte la vague la mer frise, saute de vent vient en surprise.
Tradución: Se contra as ondas roza o mar, golpe de vento vén por sorpresa.

Intérpretes: Laura, Andrea e Sara.
Refrán: Tonerre de nuit: peu de mal mais bien de bruit.
Tradución: Treboada de noite: poucos danos pero moito ruído.

Intérpretes: Lois, Uxía e Buseina.
Refrán: Vent du Nord-Ouest, balais du ciel, beau temps apres um arc-en-ciel.
Tradución: Vento do noroeste, varre o ceo, bo tempo tras o arco da vella.

Intérpretes: Claudia e Laura.
Refrán: Horizon clair ao Nord et soleil au déclin, du beau temps sont signes certains.
Tradución: Horizonte claro ao norte e sol ao ocaso, de bo tempo son sinais seguros.

Intérpretes: Martín e Pablo.
Refrán: Quant vol bas l'aronde, attends que la pluie tombe.
Tradución: Cando a andoriña voa baixo agarda que caia a choiva.

Intérpretes: Ángela e Iago.
Refrán: Le soleil du matin ne dure pas tout le jour.
Tradución: O sol da mañá non dura todo o día.

Experimentando coa condensación

Os alumnos Nuria, Andrea e Samuel atoparon outra maneira de explicar como se forman as gotiñas de auga que constitúen as nubes.

Introdución: Como xa explicamos nunha entrada anterior, as nubes están formadas por gotiñas de auga tras a condensación de vapor ao entrar en contacto con partículas en suspensión. Neste experimento comprobamos como partículas como os grans de sal poden actuar como núcleos de condensación.

Para elo, precisamos do seguinte material:
  • 2 pratros.
  • Unha tapa dun tarro.
  • Sal.
  • Auga.
Neste vídeo pódese observar o procedemento do experimento e o seu resultado:


Que está a ocorrer? Cando tapamos o prato que contén auga estamos a favorecer o aumento de temperatura e a evaporación de parte da auga. O vapor formado pode entrar en contacto cos grans de sal. Estes absorben a calor desas moléculas, favorecendo a diminución da temperatura da auga e, polo tanto, o paso do estado gasoso ao líquido. Este proceso é coñecido como condensación.

Experimentando coa temperatura e a presión - parte 2

Desta vez, Rosa, Santiago e Marta foron os encargados de demostrar a relación entre a temperatura e a presión mediante outra demostración experimental.

Para realizala, precisamos do seguinte material:
  • Un prato.
  • Auga.
  • Unha vela.
  • Un chisqueiro.
  • Un vaso.
A continuación, amosamos como se realiza o experimento e cal foi o resultado:


Que é o que está a ocorrer? De igual maneira ca no experimento anterior, creouse un vacío dentro do recipiente. Aínda que as causas son lixeiramente distintas. Neste caso, a vela está a quentar o aire do interior do vaso. Isto provoca un aumento de volume dese aire e un aumento da presión que exerce o mesmo. Unha pequena parte dese aire podería escapar pola parte baixa do vaso.
Chega un momento en que a vela apágase debido a que se consumiu todo o osíxeno. Ese é o momento en que entra auga no vaso. Por que? Ao apagarse a vela, como consecuencia, o aire do interior do vaso deixa de calentarse e incluso comeza a arrefriar, coa conseguinte diminución do seu volume e da presión no interior do vaso. Así, esta caída de presión fai que a presión do exterior do vaso introduza a auga ata que as presións de ambos espazos se igualen.

Experimentando coa temperatura e a presión

Desta vez, foron as alumnas Susana e Paula as que quixeron demostrar como están relacionadas a temperatura e a presión.

Introdución: Cando o aire sobre a superficie da Terra é quentada polo chan, tende a ascender, creando unha zona de baixas presións (borrasca). De forma similar, podemos provocar unha caída da presión dentro dunha lata, quentando o aire do seu interior. Como podemos comprobar que, efectivamente, a presión descende?

Para a realización deste experimento precisamos dos seguintes materiais:
  • Unha lata.
  • Un prato.
  • Auga.
  • Un chisqueiro.
No seguinte enlace podedes comprobar cal foi o resultado:


Que está a ocorrer? Ao quentar a lata, a calor é transferido ao aire do interior. O aire quente aumenta de volume. Debido a isto, parte escapa da lata através da auga, por iso obsérvanse burbullas. Así que, tras un aumento de presión inicial polo aumento de volume do aire, prodúcese unha diminución de dita presión pola saída de parte dese aire, provocando un vacío dentro da lata. Polo vacío, a auga que está en contacto coa apertura introdúcese dentro do recipiente.
Ademais, podemos comprobar que, ao levantar a lata cae a auga. Por que? É debido a que entra aire, aumentando a presión dentro do recipiente. Isto provoca que a auga sexa expulsada.

Experimentando - Reprodución dun tornado

As alumnas Laura, Patricia, Nerea e Soukaina continuaron a súa busca na rede sobre experimentos relacionados coa meteoroloxía e atoparon como podían crear un tornado a pequena escala.

Introdución: Un tornado é unha columna xiratoria de vento e po duns 50 metros de diámetro, que se estende desde o chan ata a base dun cumulonimbo. O que  se tratou de reproducir foi esa columna xiratoria, pero en lugar de facelo co aire, fíxose con auga.

O material que precisamos foi o seguinte:
  • Dúas botellas de plástico de litro e medio ou dous litros.
  • Cinta aillante.
  • Auga.
  • Unhas tesoiras.
A continuación presentamos o experimento:


Que é o que está a ocorrer? Para que a auga saia dunha botella, debe entrar aire no seu lugar, co obxectivo de igualar as presións. Por iso, cando baleiramos unha botella posicionándoa cara abaixo, aparecen burbullas, xa que o aire ten que atravesar a auga. Sen embargo, ao facer rotar a botella facemos que a auga xire en espiral, formándose un remolino. No centro do mesmo queda un oco que permite a entrada de aire desde a botella inferior cara a superior, á vez que a botella superior se baleira rapidamente.

Experimentando - O aire quente ascende

Continuamos experimentando en clase. Desta vez, os alumnos Dani, Manuel, Álex e Fernando trataron de demostrar que o aire quente ascende. 

Introdución: O aire quente é máis lixeiro que o aire frío, polo que tenderá a elevarse.

Para elo precisaron do seguinte material:
  • Unha bolsa de infusión.
  • Un chisqueiro.
  • Unhas tesoiras para cortar a bolsa de infusión.
A continuación amosamos a realización do experimento:


Que está a ocorrer? Ao queimar a bolsa de infusión estase quentando o aire ao seu redor. Este aire quente é máis lixeiro que o aire que o rodea. Deste modo xenérase unha columna de aire quente que ascende. Cando a bolsa que queda por arder é suficientemente lixeira, é elevada por esa columna de aire quente, demostrando que o mesmo está a ascender.

domingo, 12 de junio de 2016

Experimentando - Creación dunha nube nunha botella

No 3º trimestre algúns alumnos/as de 2º ESO C buscaron experimentos de contidos relacionados coa meteoroloxía. Traían o material a clase e probaban a seguir os pasos do video-tutorial ata que lograban repetir o resultado e entender o que estaba a ocorrer.

Comezamos presentándovos como se pode facer unha nube dentro dunha botella, actividade realizada por Laura, Patricia, Nerea e Soukaina.

Introdución: As nubes están formadas por gotiñas de auga que formáronse tras a condensación do vapor de auga arredor de partículas en suspensión. Con este experimento tratamos de reproducir na clase a formación das nubes.

O material que precisamos foi o seguinte:
  • Unha botella de plástico.
  • Un tapón de cortiza.
  • Cinta aillante.
  • Alcol.
  • Un inflador con agulla das que se usan para inflar balóns.

A continuación amosamos a realización do experimento:



Que está a ocorrer? Cando introducimos aire na botella aumenta a presión e por tanto a temperatura, favorecendo a evaporación do alcol. Ao soltar o tapón, libérase rápidamente a presión, de modo que o alcol condénsase ao redor das partículas en suspensión que hai no aire. Deste modo estamos a reproducir o proceso de formación das nubes na atmosfera.

jueves, 9 de junio de 2016

Concurso "En abril, paraugas mil"

O Equipo de Dinamización Lingüística do noso IES propuxo ao alumnado un divertido concurso relacionado cun fenómeno climatolóxico tan típico da nosa terra como é a chuvia. O mesmo consistía na elaboración dun debuxo e un lema para imprimir nun paraugas, como podedes consultar no cartel que o publicitaba.
Moitos/as rapaces/zas participaron con propostas moi interesantes.


Parabéns á gañadora. Este foi o resultado.

Saída polo río Gafos

Aproveitando a proximidade ao instituto deste afluente do Lérez, os alumnos de 2º ESO e 1º ESO C fixeron un roteiro guiado e organizado por Amancio, da Asociación Vaipolorío. Este colectivo ten como obxectivo a recuperación do Gafos ante a deterioración ambiental que estaba a sufrir.
Grazas á saída, os alumnos puideron coñecer máis de preto o ecosistema de río e bosque de ribeira que estudaran na 2ª avaliación. Ademais déronse de conta da importancia que ten manter limpos estes cauces, xa que, de non facelo, entre outras consecuencias, aumenta o risco de inundacións en épocas de grandes chuvias. Así, Amancio contounos como téñense anegado as beiras do tramo urbano, que é o que máis coñecen os nosos alumnos.
Como foi unha época de moitas chuvias o alumnado estivo moi atento ás predicións meteorolóxicas para saber se poderíamos facer a saída.
Aquí vos amosamos algunhas fotos.



E ademais saímos no Faro de Vigo!

Predicións meteorolóxicas

Unha vez colocado o mapa da nosa provincia na entrada do instituto, alumnos das materias de Inglés e Francés de distintos grupos grabaron as predicións meteorolóxicas durante varias semanas. Ás mesmas fóronse subindo á páxina de Facebook de Freicorrespondentes, creada para outro dos Proxecta que estase a desenvolver no noso IES e que xa ten 388 seguidores! Únete!

Aquí vos deixamos os enlaces:

Agradecemos a súa colaboración ás profesoras Manuela, Ana e Elvira e á coordinadora do Freicorrespondentes, Inés Barros.

miércoles, 8 de junio de 2016

Mapa para a predición meteorolóxica

Dentro da materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual, o alumnado de Inés Barros confeccionou un mapa para utilizar nas gravacións das predicións meteorolóxicas. Para elo utilizaron material reciclado, como o poliespán das proteccións das pantallas dixitais ou cartulinas doutros traballos. O mapa céntrase na provincia de Pontevedra, que sobresae sobre o fondo. A partir desta base fóronse engadindo máis datos e detalles:
  • Nun primeiro momento, marcáronse as comarcas da provincia.
  • Engadíronse en cartulina de distintos cores as siluetas das provincias limítrofes.
  • E representouse o océano Atlántico en dous tonalidades de azul para pór de manifesto a diferente coloración que se pode observar nunha imaxe aérea do océano debido ao aumento de profundidade do mesmo.
  • Tamén incluíuse o logo do proxecto na marxe superior esquerda, para chamar máis a atención das persoas que entraban ou salían do noso IES.

A idea é que o próximo curso sigan engadindo información relacionada de interese.

Para indicar o tempo pronosticado de cada semana, imprimíronse símbolos das distintas condicións meteorolóxicas, que fóronse cravando con alfileres. Para o próximo curso gustaríanos contar con deseños propios dos mesmos.

O mapa está situado xusto na entrada do instituto, á vista de todo o que nos visite.

martes, 7 de junio de 2016

Logo do proxecto

Para darlle ao proxecto unha maior visibilidade no centro, Inés Barros, a profesora de Debuxo, propúxolles ao seu alumnado de 3º ESO deseñar un logo.

Mostramos aquí algúns dos bosquexos realizados, que tamén podedes observar no seguinte enlace, xunto con outros deseños:


Entre as ideas presentadas, destacou o esbozo de Noelia Bugallo que, nunha soa imaxe combina o espírito do proxecto co escudo do noso IES. Dámoslle as grazas e a noraboa polo seu traballo tan creativo.
No centro, podedes observalo en distintas ubicacións:
  • Vai impreso nas follas de recollida de datos e tamén a pegamos na portada da carpeta que contén ditas fichas. Esta carpeta atópase á vista de todos os docentes, nun revisteiro que hai na sala de profesores.

  • Plastificouse para pegala na caseta meteorolóxica, de modo que é visible dende a rúa.
  • Noelia e algún dos seus compañeiros/as debuxaron e pintaron o logo nunha parede do espazo onde está a estación meteorolóxica. Aproveitando isto, adecentouse dito espazo, limpiando e pintando o resto da parede de branco. Para realizar esta actividade contamos coa axuda do persoal de limpeza, así como con parte do alumnado que, no marco doutro proxecto, estivo a pintar un mural no pavillón do IES.
  • Por último, incorporouse o logo ao mapa da provincia de Pontevedra que describirase noutra entrada e que elaborouse para informar das predicións meteorolóxicas ao alumnado e persoal do centro.